Ir o contido principal

Charla ‘10 anos escoitando o cosmos con ondas gravitacionais: de buracos negros a estrelas de neutróns’

15.09.2025 | 14.30h

Por Juan Calderón, investigador Ramón y Cajal no IGFAE e membro da colaboración LIGO

Cúmprense 10 anos da detección das ondas gravitacionais
Cúmprense 10 anos da detección das ondas gravitacionais

Co gallo do 10º aniversario da detección das ondas gravitacionais, o investigador Juan Calderón ofrecerá o luns 15 unha charla aberta na que explicará as claves sobre a detección e análise dos eventos que provocan as ondas gravitacionais, como as fusións de buracos negros ou estrelas de neutróns. A actividade, aberta a todo o público, diríxese especialmente a estudantado do grao de Física.

O 15 de setembro de 2015, dous observatorios separados por máis de 3.000 quilómetros de distancia nos Estados Unidos detectaron o sinal dun evento que viaxou polo cosmos durante 1.300 millóns de anos. Procedía da fusión de dous buracos negros, un dos fenómenos máis brutais que se producen no universo. Tratábase de algo histórico: aquel sinal era a primeira evidencia experimental das ondas gravitacionais, unhas ‘engurras’ no espazo-tempo que Albert Einstein postulara teoricamente 100 anos atrás.

A detección, froito de décadas de traballo da colaboración internacional LIGO (Observatorio por Interferometría Láser de Ondas Gravitacionais), foi un dos maiores fitos da física nas últimas décadas. En 2017, tres dos impulsores de LIGO (Barry Barish, Kip Thorne e Rainer Weiss) recibiron o Nobel, entre outros grandes recoñecementos.

Dez anos despois, a colaboración dos observatorios LIGO, Virgo e KAGRA suma xa máis de 200 deteccións de sinais de ondas gravitacionais, o que supón unha nova e revolucionaria xanela para coñecer o universo. 
 

A charla será o día 15 en Física
A charla será o día 15 en Física
Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.09.2025.