As profesoras da USC Laura Sánchez Piñón e Maribel Quiroga Berdeal abordan este martes, ás 13.30 horas, no HULA as posibilidades do peixe cebra na investigación biomédica e presentan a súa iniciativa a prol do estudo de enfermidades raras

A catedrática de Xenética da USC Laura Sánchez Piñón e a tamén profesora de Anatomía Patolóxica na Facultade de Veterinaria Maribel Quiroga Berdeal ofrecen este martes, ás 13.30 horas, no salón de actos do Hospital Universitario Lucus Agusti (HULA) de Lugo o relatrio ‘O peixe cebra en biomedicina’.
Na súa intervención, as relatoras explicarán como o peixe cebra (Danio rerio) se ten convertido nun organismo modelo indispensable para a investigación biomédica, xa que, a pesar de estar aparentemente moi distanciado filoxeneticamente do home, posúe unha considerable homoloxía co xenoma humano.
De feito, o 85% dos xenes que provocan enfermidades en humanos están conservados no peixe cebra. Ademais, subliñan estas investigadoras da USC, é relativamente sinxelo desenvolver modelos de peixe cebra para o estudo das enfermidades xenéticas. Daquela, explican, cando se identifica a mutación asociada a unha determinada enfermidade é posible reproducila en peixe cebra, observar a sintomaloxía asociada e determinar os órganos e sistemas afectados a través de estudos microscópicos e moleculares.
Sánchez Piñón e Quiroga Berdeal, que coordinan os grupos de investigación da USC ZebraBioRes e Gapavet, respectivamente, aproveitarán tamén a súa presenza no HULA para informar do proxecto ‘Pelayo e o peixe cebra axudan ao estudo as enfermidades raras’, unha iniciativa aberta á participación cidadá a través da plataforma de crowdfunding da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) Precipita.es e que xa suma máis de 20.000 euros en doazóns.