Santiago de Compostela
Trátase dunha ferramenta de participación, deliberación e xestión en que a cidadanía fai propostas e decide o destino de parte do orzamento municipal

As facultades de Ciencias Políticas e Sociais e Ciencias da Comunicación acollerán o vindeiro martes, 6 de febreiro, ás 18.00 horas, cadansúa charla para informar sobre o proceso de Orzamentos Participativos e explicar o tipo de propostas que se poden facer, resolver dúbidas ou orientar sobre o uso da plataforma, entre outros aspectos.
Os orzamentos participativos (OP) son unha ferramenta de participación, deliberación e xestión en que a cidadanía fai propostas e decide o destino de parte do orzamento municipal. O Goberno Municipal de Santiago abre un novo proceso de OP para que a mocidade de Compostela faga propostas e decida as accións que quere executar. Destinaranse un total de 100.000 euros para programas e actividades, e desenvolveranse as actuacións ao longo do ano 2024.
Os Orzamentos Participativos constan de dúas fases: a realización de propostas e a votación. Pode facer propostas calquera persoa, sen límite de idade. As propostas pódense enviar a través da páxina web decide.santiagodecompostela.gal e do correo electrónico decide [at] santiagodecompostela.gal (decide[at]santiagodecompostela[dot]gal) ou entregalas nos espazos municipais habilitados ou durante os encontros e obradoiros que levará a cabo o Concello. En todos os casos deberá achegarse debidamente cumprimentado este formulario.
Poden votar as propostas as mozas e mozos de entre 16 (a cumprir en 2024) e 30 anos que residan, estuden ou traballen en Santiago de Compostela, e que así o acrediten. Cada persoa deberá votar tres propostas, indicando o seu grao de preferencia. O prazo de presentación de propostas estenderase ata xaneiro de 2024, mentres que a votación realizarase en febreiro.