Organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) e coordinado polos profesores e investigadores Enrique Castelló e Roi Méndez

O vindeiro venres 17 de febreiro, a Facultade de Ciencias da Comunicación acollerá o simposio internacional 'CloudClass: Virtual Communication for teaching innovation', un encontro que busca compartir os avances en comunicación virtual aplicados á innovación docente no marco do proxecto europeo “CloudClass: Low Cost, Mobile, Cloud & Template Based Augmented Reality Studio for Education”, financiado polo programa Eureka-Eurostars (Ref. E115354CloudClass).
Organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) e coordinado por Enrique Castelló e Roi Méndez, este simposio en lingua inglesa abre o debate sobre o potencial educativo de ferramentas tecnolóxicas para a creación e difusión de contidos educativos. O evento céntrase na implementación de tecnoloxías de VR/AR/XR de baixo custo na aula que posibiliten unha aprendizaxe máis atractiva, interactiva e inmersiva no ámbito universitario.
O elenco de especialistas reunidos para este Simposio aúna perfís da industria e a academia de referencia internacional nos campos da comunicación, a innovación tecnolóxica e a didáctica virtuais. A análise da tecnoloxía de Cloudclass abordarase desde distintos enfoques: a visión empresarial e desenvolvemento tecnolóxico por Francisco Ibañez e Elena Llorca, responsables da área de proxectos I+D de Brainstorm Multimedia; a viabilidade do seu uso por docentes e discentes por Jim Playfoot, director e fundador da consultora WhiteLoop; a súa implementación para a docencia en contornas virtuais estará a cargo de Renate De Groot, Corrie Urlings e Kateryna Holubinka, The Open University of Netherlands; incorporación e metodoloxía testada en contornas presenciais por Enrique Castelló, Roi Méndez e Rocío Sosa, Universidade De Santiago de Compostela; para finalmente, exemplificar o seu uso cun estudo de caso do proxecto Polimedia a cargo de Antía Mosquera, Universidade De Santiago de Compostela. Durante o evento, presentarase o libro “CloudClass: Comunicación virtual para a innovación docente”, coordinado polos organizadores do simposio.
Polo seu carácter especializado, a actividade está dirixida a profesionais e persoal docente e investigador das ciencias da comunicación e da educación, así como a alumnado de grao, mestrado e doutoramento das áreas disciplinares da comunicación e a educación.
A inscrición no Simposio é libre e gratuíta e está aberta ata o 16 de febreiro a través deste formulario. As prazas iranse ocupando por rigorosa orde de inscrición e as persoas asistentes recibirán un diploma de asistencia con constancia das horas lectivas cursadas.