Trátase dun coloquio multidisciplinar no que participa persoal investigador da USC, así como das universidades de Málaga, Alacante, Cá Foscari de Venezia, Sapienza di Roma, Grenoble, Xenebra, Minho, ou Cambridge

O Coloquio Internacional titulado ‘Aut recepti beneficio se obligatos putant. Formas non coercitivas de transformación indíxena’ desenvólvese en Lugo os días 18 e 19 de xuño. Esta é unha xuntanza realizada no marco do proxecto de investigación de excelencia do Ministerio de Ciencia e Innovación dirixido pola profesora de Historia Antiga, Mª Dolores Dopico, coa colaboración do grupo de investigación GEPN–AAT, grupo de referencia competitiva da Xunta de Galicia (GI-1534).
Neste foro analizaranse diversos modos de integración no imperio romano, todos eles caracterizados pola ausencia de violencia. Veranse tanto os cambios que habitualmente se encadra dentro da “autorromanización” como aqueles inducidos por Roma mediante a concesión de beneficia e outros estímulos que, como indica a frase latina do título, favorecen a colaboración voluntaria dos e das indíxenas.
Trátase dun coloquio multidisciplinar no que participa persoal investigador da USC, así como das universidades de Málaga, Alacante, Cá Foscari de Venezia, Sapienza di Roma, Grenoble, Xenebra, Minho, ou Cambridge. A sesión do día 18 terá lugar na Facultade de Humanidades da USC e a do 19 no Museo Universitario A Domus do Mitreo. A inscrición é de balde e pode formalizarse nos enderezos electrónicos mdolores.dopico [at] usc.es (mdolores[dot]dopico[at]usc[dot]es) ou manuel.villanueva [at] usc.es (manuel[dot]villanueva[at]usc[dot]es) Ambas as dúas xornadas botan a andar ás 10.00 horas.