O profesor da área de Produción Animal Javier Diéguez moderará, a partir das 19.30 horas, na cafetería de Veterinaria, un coloquio no que intervirán como relatores os tamén docentes e investigadores Luis Eusebio Fidalgo, Adriana Méndez Martínez e Susana Muñiz de Miguel

Un debate sobre sobre as claves da nova lei de benestar animal abre este luns, a partir das 19.30 horas, na cafetetería da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC os Encontros de Lúa Minguante, un novo ciclo promovido pola Vicerreitoría de Estudantes e Cultura, a través do que se pretende dinamizar a vida dos centros universitarios alén das actividades académicas e de I+D.
O profesor da área de Produción Animal da USC Javier Diéguez Casalta, residente do European College of Animal Walfare and Behavioural Medicine, moderará este coloquio, no que intervirán como relatores o presidente da Federación Galega de Caza, Luis Eusebio Fidalgo, que tamén é docente da área de Ciencias Clínicas Veterinarias da USC; a veterinaria do hospital Acea de Olga e directora de desenvolvemento de negocio do grupo de clínicas e hospitais veterinarios Wetpartners, Adriana Méndez Martínez, e a veterinaria residente no hospital Rof Codina do European College of Animal Welfare and Behavioural Medicine, Susana Muñiz de Miguel.
Esta actividade, incluída no convenio Lugo Cultural, un programa xestionado pola USC e que tamén conta con financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo, é de acceso libre e gratuíto para todo o público interesado. Ao remate da quenda de intervencións, a sesión continuará cun café concerto, a cargo de Chico López.