Facultade de ADE
A vicerreitora Montserrat Valcárcel, a coordinadora da Aula TIC-Pemes da USC, Ángeles López Cabarcos, e un representante de Cogami dan a benvida este martes, ás 16.30 horas, ao alumnado deste programa de inclusión social de persoas con discapacidade

O proxecto Edison, unha iniciativa de micromecenado promovida pola Aula TIC-Pemes (ATP) da USC co obxecto de proporcionar formación universitaria a persoas con discapacidade orientada á adquisición de habilidades sociais e persoais para acceder a un posto de traballo de calidade, bota a andar o este martes 13 de abril, a partir das 16.30 horas, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo, grazas á implicación e ao respaldo económico de varias empresas.
A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, a coordinadora da Aula TIC-Pemes da USC, Ángeles López Cabarcos, e un representante da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), ofrecerán unha recepción de benvida ás persoas inscritas neste programa orientado a mellorar, a través da formación e do emprego, a inclusión social de persoas con discapacidade.