Ir o contido principal

XXVII Festival de Teatro Universitario

A compañía de teatro USC-Lugo ofrece unha dobre sesión de 'A Emperadora'

13/04/2021 - 12.00 horas

Auditorio municipal Gustavo Freire

A compañía universitaria luguesa ofrecerá este martes, ás 12.00 horas, un pase da obra escrita e dirixida por Carmen Conde para estudantes no ‘Gustavo Freire’, o escenario no que, ás 20.00 horas, estreará a obra para todo o público

Cartaz da obra
Cartaz da obra

A compañía de teatro USC-Lugo, que dirixe Carmen Conde, abrirá este martes o XXVII Festival de Teatro Universitario de Lugo, coa estrea da peza ‘A emperadora’, unha obra escrita e dirixida pola propia Carmen Conde.

A formación universitaria luguesa ofrecerá unha dobre sesión na xornada de apertura deste nova edición do festival de teatro organizado ao abeiro do convenio Lugo-Cultural, que recibe financiamento de Concello de Lugo, Deputación Provincial de Lugo e USC. Así, o elenco teatral que dirixe Conde presentará ás 12.00 horas, un primeiro pase desta obra dirixido ao público estudantil. A mesma compañía repetirá actuación no mesmo escenario ás 20.00 horas, na sesión inaugural do festival.

A programación do XXVII Festival de Teatro Universitario de Lugo, en cuxo cartel tamén figuran a Aula de Teatro Universitaria de Ourense ‘Maricastaña’, Teatro El Mayal, da Universidade de León, e a compañía de teatro USC-Santiago, continuará o mércores 14 de abril coa formación ourensá, dirixida por Fernando Dacosta, que presentará no ‘Gustavo Freire’ a obra ‘Imperator’. O grupo leonés Teatro El Mayal traerá a Lugo o 19 de abril ‘Sweet Jane’, unha produción dirixida por Javier R. De la Varga. Ao día seguinte, a compañía compostelá que dirixe Roberto Salgueiro pechará a quenda de representacións do Festival de Teatro Universitario coa obra ‘A casa da forza 2, 52 – 88’.

As representacións teatrais comezarán todas a partir das 20.00 horas e as persoas interesadas en poder asistir como público poden solicitar de balde xa as entradas, a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo [at] usc.es (cultura[dot]lugo[at]usc[dot]es). Os aforos de cada función estarán determinados pola normativa sociosanitaria vixente e a reserva de entradas poderá facerse ata as 12.00 horas do día de cada función.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.04.2021.