Ir o contido principal

'Recuperar a fala, recuperar a alma'

V CO(M)XÉNERO

10.11.2021-11.11.2021 | 16.30h

Aula de Visionado 1 e Aula Nacho Mirás

Organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC co apoio de Xornalistas Galegas.

CO(M)XÉNERO V.
CO(M)XÉNERO V.

A Facultade de Ciencias da Comunicación da USC acolle o 10 e 11 de novembro unha nova edición do Seminario Permanente de Comunicación e Xénero, CO(M)XÉNERO. 

Baixo o título, 'Recuperar a fala, recuperar a alma' a edición pon o foco na violencia sufrida por mulleres e nas diversas prácticas de resistencia e autodefensa artelladas dende eidos tan diversos como a recuperación da lingua propia, a recuperación de espazos e obxectos ou mesmo dende a asunción da violencia como lexítima forma de defensa. O seminario afondará en discursos históricos, audiovisuais e antropolóxicos á vez que proporá a creación de pezas audiovisuais que reforcen a idea da recuperación da fala como recuperación do discurso, da alma propia.

A edición contará coa presenza da investigadora, escritora e activista, Brigitte Vasallo; das cineastas Quiela Nuc e Andrea Beade (nucbeade); da investigadora e docente da Universitat de Barcelona, Elena Fraj; o deseñador, ilustrador e realizador audiovisual, Miguel Ángel Ramos. Participarán tamén  María Soliña Barreiro e Guadalupe Jiménez Esquinas, docentes e investigadoras da USC e Rosalía Quiroga, graduada da mesma universidade. 

O equipo organizador desta edición do CO(M)XÉNERO está conformado por Margarita Ledo Andión, Marta Pérez Pereiro, Silvia Roca Baamonde e Soliña Barreiro, integrantes do Grupo de Estudos Audiovisuais da USC. 

O seminario está dirixido a estudantes de comunicación, persoal investigador, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar, dende unha lectura crítica, os medios e as industrias culturais e creativas.

A participación é de balde previa inscrición, que está aberta até o 9 de novembro.

A edición conta con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero (Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade) e da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2021 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiario o GEA.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2021.