Ir o contido principal

Seminario Permanente de Comunicación e Xénero

CO(M)XENERO 8. Videoensaio: cinema menor?

06.03.2023-07.03.2023 | 16.15h-20.00h

Santiago de Compostela
Visionado 1

Organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais da USC

CO(M)XENERO 8. Videoensaio: cinema menor?
CO(M)XENERO 8. Videoensaio: cinema menor?

Os cinemas do eu e dende o eu, o cine proceso como fórmula reflexiva, o cine ensaio como método de pensar o mundo a través das imaxes e como método para deixar que as imaxes recuperen o seu peso serán as prácticas  abordadas nesta oitava edición do CO(M)XÉNERO, organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA).  

'Videoensaio: cinema menor?' interróganos sobre a liberdade e heteroxeneidade desta práctica vencellada ao cinema feminista dende as súas orixes. E xoga coas reflexións de Deleuze e Guattari en Kafka. Pour une littérature mineur para considerar este tipo de ensaio coa cámara como cine político e con arume colectivo, como cine que constrúe espazos de emancipación.   

Ana Mejón (Universidade Carlos III de Madrid),  compartirá a experiencia da revista Tecmerin, destacada por Sight and Sound polos seus contidos desenvolvidos a través de videoensaios, e a cineasta, documentarista e docente Xisela Franco proporá, dende a súa propia praxe, técnicas de traballo para ensaiar cos xéneros do eu.  

Esta edición conta con financiamento da Xunta de Galicia a través da convocatoria 2019 de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, da que é beneficiario o GEA.

A actividade está aberta ao público en xeral, pero diríxese especialmente a profesionais e persoal investigador no ámbito das ciencias da comunicación, estudantes do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporáneas (a participación no seminario será considerada AF), e estudantes dos graos de Comunicación Audiovisual e Xornalismo.

A inscrición é de balde e está aberta ata o 5 de marzo a través deste formulario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.03.2023.