A vicerreitoría de Estudantes e Cultura, promove este ciclo de cinco concertos co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración do Grupo Organistrum da USC.

Do 28 de abril ao 24 de maio, o ciclo Os sons da pedra. O ronsel do Mestre Mateo ofrece 5 concertos que teñen como fío condutor a reconstrución dos instrumentos que o Mestre Mateo esculpiu no Pórtico da Gloria e as derivacións de xéneros e xeográficas que nos deixou o seu ronsel.
O martes, 3 de maio, o multi-instrumentista Pancho Álvarez ofrecerá un concerto ás 20.30 horas no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia da USC. Álvarez é cofundador do grupo Na Lúa, co que grabou seis discos de gran difusión nos anos 80 , e que complementou coa súa actividade como solista ou acompañante doutros músicos como Carlos Núñez, Rodrigo Romaní ou The Chieftains.
En solitario produce e grava, entre 1998 e 2021, seis discos nos que desenvolve o seu particular perfil como músico que se inspira na música tradicional de Galicia, utilizando especialmente instrumentos de corda e de percusión que adapta, nunha permanente busca, ao xeito de tocar os instrumentos tradicionais.
Os sons da pedra: simposio e exposición
Este ciclo de concertos vai da man dun simposio homónimo que reunirá en Compostela a numerosos artesáns e luthieres que participaron no proxecto de reconstrución dos instrumentos do Pórtico desenvolvido a partir de 1989 baixo a dirección de José López Calo e Carlos Villanueva. Co mecenado da Fundación Barrié, esta iniciativa de recuperación do patrimonio cultural permitiu a construción de 19 réplicas instrumentais que puideron escoitarse no Pórtico da Gloria. Posteriormente, a iniciativa estendeuse á reprodución de instrumentos do Pazo de Xelmírez de Lugo e da catedral de Ourense.
O simposio e o ciclo de concertos compleméntanse cunha exposición que, baixo o mesmo título, Os sons da pedra, poderá visitarse do 29 de abril ao 28 de maio no Salón do Artesonado do Pazo de Fonseca.
