Ir o contido principal

Concerto Sensoxenoma 23

30.09.2023 | 18.30h

Auditorio de Galicia
Santiago de Compostela

Segunda edición deste proxecto no que colaboran a USC, o IDIS e a Real Filharmonía de Galicia para analizar como inflúe a música nos xenes

A Universidade de Santiago de Compostela participa nesta investigación que analiza a pegada da música no ADN e o seu posible uso para paliar certas enfermidades
A Universidade de Santiago de Compostela participa nesta investigación que analiza a pegada da música no ADN e o seu posible uso para paliar certas enfermidades

Sensoxenoma é un proxecto de investigación liderado polos profesores da USC Antonio Salas e Federico Martinón no que, por primeira vez e a grande escala, ciencia e música danse a man para loitar contra diferentes enfermidades. Así, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) —constituído ao abeiro dun convenio entre USC, Consellaría de Sanidade e SERGAS —, e a Real Filharmonía de Galicia dan pulo a esta colaboración interdisciplinaria que ten por obxecto “buscar as bases biolóxicas do estímulo musical” coa vontade de “iluminar novas dianas terapéuticas”. 

Tras a experiencia inicial desenvolvida en 2022, e que achegou interesantes resultados sobre o efecto da música nos xenes de pacientes con enfermidades neurodexenerativas, o equipo investigador de Sensoxenoma retoma a iniciativa con dous concertos novos concertos en 2023. 

No primeiro deles, o día 29 de setembro,  tomaranse mostras biolóxicas a persoas xordas, cegas e con trastorno de espectro autista para analizar o efecto da música en persoas pertencentes a estes colectivos. Trátase dun recital restrinxido ás asociacións participantes no estudo, entre as que se contan a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), a ONCE, ASPANAES e ASPERGA. O director da Real Filharmonía de Galicia, Baldur Brönnimann, levará a batuta dun programa cuxo contido non se coñecerá ata o día do evento.

Ademais, o 30 de setembro, ás 18 horas, celebrarase un segundo concerto no Auditorio de Galicia que xa será de acceso aberto ao público xeral. As entradas poden ser adquiridas na web de Compostela Cultura.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.09.2023.