Círculo das Artes
O programa ‘Iacobum celebret. Melodías xacobeas’, que ofrecerá, a partir das 20.00 horas, a formación que dirixe Miro Moreira inclúe composicións deste e doutros mestres de capela na catedral de Santiago

O Coro Universitario da USC ofrece este domingo 8 de maio, a partir das 20.00 horas, no Círculo das Artes de Lugo, un concerto en memoria de Melchor López Jiménez cando se cumpren 200 anos do aniversario do seu pasamento. Esta actuación encádrase no ciclo de cámara ‘Músicas a carón da Mosqueira’, organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Concello de Lugo e Deputación Provincial de Lugo.
Baixo o título 'Iacobum celebret. Melodías xacobeas', o Coro Universitario que dirixe Miro Moreira, ofrece un programa con varias composicións deste e doutros mestres de capela da Catedral de Santiago como José de Vaquedano, Ramón Palacio, Santiago Tafall, José Lidón e Buono Chiodi.
Neste concerto, o Coro Universitario da USC contará cun cuarteto de solistas conformado por Aida López, soprano; Mariola Gongar, alto; Chema Ares, tenor; e Pablo Nieves, barítono. O acompañamento instrumental virá da man de Juan Manuel Varela Louro, órgano e clave; Francisco Luengo, violone; e Alfonso Morán, contrabaixo.