A profesora da USC Pilar Prieto e Hixinio Flores, da Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira, son os comisarios da exposicion de olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Guindivós, que se inaugura este xoves no Vello Cárcere de Lugo

A profesora da USC Pilar Prieto e Hixinio Flores, da Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira, inauguran este xoves, a partir das 18.30 horas, no Vello Cárcere de Lugo, a mostra ‘Conciencia dunha tradición’, no marco da que se amosan pezas de olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Guindivós.
A exposición ‘Conciencia dunha tradición’, comisariada por Prieto e Flores, é froito da colaboración que manteñen desde hai anos a USC e o CISPAC xunto coa Asociación Ceramolóxica Galega Canaveira a prol da investigación en cerámica tradicional dos centros oleiros de Galicia e en especial de Lugo.
O obxectivo da exposición, que permanecerá aberta ao público ata o 17 de maio nas instalacións municipais do Vello Cárcere de Lugo, pasa por amosar unha serie seleccionada de pezas singulares e de uso cotiá na casa galega que axude a ofrecer, con enfoque científico, unha imaxe realista da riqueza oleira e do modo de vida de épocas pasadas. De feito, esta mostra é froito dun novidoso traballo conxunto e colaborativo de coleccionistas, arqueólogos e outros investigadores da USC desenvolvido a partir dun proxecto de divulgación científica da FECYT.
‘Conciencia dunha tradición’ está conformada en gran parte por máis de 250 pezas expositivas cedidas temporalmente por 25 coleccionistas privados e investigadores en cerámica onde gran parte delas posúen un especial valor polas súas características e/ou son pezas únicas moi poucas veces expostas. De feito, trátase da primeira vez en Galicia que amais de presentar un conxunto de pezas seleccionadas para expoñer, preséntanse o proceso de produción de uso e declive desta cerámica.