Ir o contido principal

Seminario de Iniciación a Investigación 2020-2021

'Conectando espazos tanxentes', con María Ferreiro Subrido

14.10.2020 | 17.00h

Este seminario está autoxestionado por investigadores novos da Facultade de Matemáticas. Este ano Laura Davila Pena, Érika Diz Pita, Mª Pilar Páez Guillán e Alberto Rodríguez Vázquez integran o comité do SII

Cartel do seminario
Cartel do seminario

'Conectando espazos tanxentes' é a primeira charla do 'Seminario de Iniciación a Investigación' da Facultade de Matemáticas, e será impartida por María Ferreiro Subrido, da área de Xeometría e Topoloxía. Nesta charla, a experta amosará un problema cuxa solución resultou nunha ferramenta verdadeiramente útil en Xeometría Diferencial: o problema de derivar campos de vectores sobre variedades diferenciables.

O 'Seminario de Iniciación a Investigación' nace en 2005 ante o interese de que xurdira unha interacción máis acentuada no campo matemático entre os alumnos de Terceiro Ciclo da facultade. Moitos deles estaban a viaxar e facer estadías en lugares diversos do planeta, mais non se beneficiaban o suficiente do que sabían os seus compañeiros. Para dar resposta a ese problema, creouse un espazo para que cada un puidese dar a coñecer ós demais o seu traballo. Este seminario está amparado polo Instituto de Matemáticas (IMAT) e a USC.

Dadas as circunstancias excepcionais deste curso, e para poder desenvolver os seminarios coas máximas garantías sanitarias, as charlas impartiranse presencialmente na Aula Seminario de Análise Matemática, que conta cun aforo de 9 persoas (ademais do relator e os membros do comité do SII). De forma simultánea, a charla proxectarase na Aula 10, que conta cun aforo de 17 persoas, e emitirase a través de Microsoft Teams (acceso co código l8yqckp). Os postos das aulas ocuparanse por orde de chegada.

Neste curso o IMAT volverá a outorgar un certificado de asistencia se se asiste cando menos ao 80% dos seminarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.10.2020.