Ir o contido principal

Conferencia ‘Arqueoloxía e ciencia: o exército de terracota de Xi’an’, por Marcos Martinón-Torres

30.09.2024 | 18.00h

Santiago de Compostela
Paraninfo da Universidade

A conferencia do investigador galego, catedrático na Universidade de Cambridge, é aberta a todo o público

O exército de terracota de Xiàn está considerada a oitava marabilla do mundo. Foto: Christels/PXNIO
O exército de terracota de Xiàn está considerada a oitava marabilla do mundo. Foto: Christels/PXNIO

O exército de terracota de Xi’an é recoñecido mundialmente como un dos achados arqueolóxicos máis impresionantes da historia. Estes guerreiros, creados hai máis de 2.200 anos por orde do primeiro emperador de China, Qin Shi Huang, son considerados a oitava marabilla do mundo e están protexidos como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Non obstante, este exército de guerreiros de terracota, que se contan por miles, continúa a formular preguntas e paradoxos.

Para tratar de botar luz sobre esta marabilla arqueolóxica, o mestrado interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencia da Antigüidade convidou a Marcos Martinón-Torres, investigador galego catedrático na Universidade de Cambridge, a pronunciar o vindeiro 30 de setembro a conferencia de inauguración do curso, que leva por título ‘Arqueoloxía e ciencia: o exército de terracota de Xi’an’.

Na súa conferencia, ás 18.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), tentará explicar cal foi a táctica de Qin Shi Huang, sendo tan novo, para facerse co poder dun imperio colosal ou como conseguiu coordinar tantas persoas, recursos e ideas para construír algo tan monumental e complexo. Os misterios que garda a tumba do emperador, quen a construíu e, sobre todo, por que decidiu levarse un exército de terracota á súa tumba serán outras cuestións sobre as que reflexionará un dos seus maiores estudosos.

Martinón-Torres
Marcos Martinón-Torres é o catedrático Pitt-Rivers de Ciencia Arqueolóxica na Universidade de Cambridge, onde co dirixe unha plataforma interdepartamental de ciencias do patrimonio financiada polo Departamento de Ciencia, Innovación e Tecnoloxía do Reino Unido. É ademais co editor da prestixiosa revista Journal of Archaeological Science.

O seu ámbito de especialización é a aplicación de métodos científicos ao estudo de restos arqueolóxicos e ten proxectos activos en Europa, América, Asia e África, sendo un dos máis destacados o do exército de terracota de Xi’an, en China. Tamén investigou a alquimia renacentista en Europa, a orfebraría prehistórica en múltiples rexións, e outros metais e cerámicas, pigmentos, vidro e ámbar, entre outros materiais. Actualmente lidera un proxecto financiado polo Consello Europeo de Investigación que se centra no estudo das tecnoloxías de luxo en civilizacións sen estrutura de estado.

Premiado en numerosas ocasións, Martinón-Torres ten publicados más de 170 libros e artigos. Con numerosos colaboradores, liderou a exposición do exército de terracota no Museo Arqueolóxico de Alacante, que se converteu na mostra máis visitada da súa historia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2024.