Paraninfo da Universidade

O Paraninfo da Universidade acolle o martes 17 ás 12.30 horas a conferencia ‘O Coro do Mestre Mateo: Descubrimentos para unha nova visión dunha obra esencial do patrimonio universal’, na que se explicarán os avances do proxecto KosmoTech_1200, laboratorio multidisciplinar que une a tecnoloxía máis avanzada coa investigación histórico-artística e arqueolóxica de vangarda para reconstruír dixitalmente patrimonio único
KosmoTech_1200 céntrase, como caso de estudo principal, na Catedral de Santiago de Compostela e, en concreto, nas estruturas creadas baixo a dirección do mestre Mateo: o nártex occidental, coa súa monumental fachada, e o coro pétreo.
Nesta conferencia-presentación darán a coñecer unha nova visión do coro, mostrando a reconstrución 3D inmersiva de catro sitiais ademais dunha nova reconstrución integral da estrutura arquitectónica do coro que inclúe a decoración da fachada, a vía sacra, os sitiais, as tribunas e escaleiras de acceso, así como as arcadas exteriores e os sistemas de iluminación.
A presentación correrá a cargo do investigador principal do proxecto, Francisco Prado-Vilar; e coordinador técnico Anxo Miján Maroño, e os técnicos de virtualización Alexandre González Rivas e Carlos Paz de Lorenzo. Asisten tamén a vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo Barrera; a secretaria académica da Facultade de Xeografía e Historia, Manuela Costa Casais; o director do CISPAC, Lourenzo Fernández-Prieto; o director da Fundación Catedral,
Daniel Lorenzo Santos, e o director do Departamento de Historia da Arte, Federico López Silvestre.
Financiado pola Axencia Estatal de Investigación, KosmoTech_1200 está desenvolvido no CISPAC grazas a un convenio de colaboración entre a USC e a Fundación Catedral de Santiago.