
A Conferencia de decanos e decanas de Psicoloxía das universidades españolas reúnese este xoves 23 de maio no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago. O acto oficial de inauguración será ás 10.00 horas, presidido polo vicerreitor de Profesorado da USC Ernesto González Seoane; tamén asistirán a decana do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e vogal do Consello Xeral da Psicoloxía, Rosa Álvarez Prada, e o presidente da Conferencia Antonio Ferrer Manchón.
A mañá do xoves 23 continúa cunha mesa de debate coordinada por Maribel Hombrados Mendieta da Universidad de Málaga, baixo o título 'Psicoloxía da intervención social e comunitaria: formación e profesión' e unha charla do presidente da Asociación Española de Servicios Psicológicos y Psicopedagógicos Universitarios, Miguel Ángel Rando, co título 'Servicios de asistencia psicolóxica e/ou clínicas de psicoloxía nas universidades españolas: percorrido e estado actual'. Pola tarde, a partir das 16.00 horas e ata as 18.30 horas, comezará a asemblea xeral da Conferencia. O venres 24 a partir das 9.30 horas continuarán a examinarse os asuntos da orde do día da asemblea e esta rematará ás 13.30 horas.