Ir o contido principal

Encontros Americanos na Granell

Conferencia de Eduardo Flores: ‘Desprazamento forzado. O éxodo das caravanas migrantes na Centroamérica actual’

30.10.2024 | 19.00h

Fundación Granell. Praza do Toural
Santiago de Compostela

Fachada do Pazo de Bendaña, sede da Fundación. FOTO: Fundación Granell
Fachada do Pazo de Bendaña, sede da Fundación. FOTO: Fundación Granell

O filósofo nicaraguano Eduardo Flores Arróliga ofrece este mércores 30 de outubro a conferencia ‘Desprazamento forzado. O éxodo das caravanas migrantes na Centroamérica actual’. Organizada polo Grupo de Historia de América da USC, desenvolverase a partir das 19.00 horas na sede da Fundación Eugenio Granell na praza do Toural compostelá e a entrada é gratuíta e libre ata completar a capacidade do espazo.

Segundo lembran desde o grupo de investigación, o mes de outubro de 2018 marca un detonante no comportamento do desprazamento forzado na rexión centroamericana: milleiros de persoas organizáronse e partiron dende San Pedro Sula (Honduras) para cruzar México coa intención de chegar aos Estados Unidos de América. O fenómeno a grande escala deste fluxo social e que aínda continúa, indican, “resulta dunha multicausalidade: a violencia estrutural polo crime organizado, os estados de excepción, feminicidios, ausencia de oportunidades laborais, economías excluentes e desastres naturais que viven os pobos centroamericanos”.

A conferencia expón, sinalan desde o Grupo de Historia de América, “como as causas deste paradigma de mobilidade humana cuestiona o concepto tradicional de migración para entender a complexidade de carácter bio e necropolítico. Ao mesmo tempo preséntanse as repercusións das políticas antimigrantes que negan estes actos de desfronteirización no éxodo do centro e sur ao norte de América”.

Biografía
Eduardo Flores Arróliga (Managua-Nicaragua) é doutor en Filosofía pola Universidade Michoacana de San Nicolás de Hidalgo, México. Foi profesor e investigador do Departamento de Ciencias Sociais da Universidade Centroamericana, en Nicaragua. Fixo unha estadía de doutoramento na Facultade de Filosofía da USC e os seus temas e áreas de investigación abranguen a antropoloxía filosófica, os estudos culturais centroamericanos e o pensamento filosófico de Baruj Spinoza, Xavier Zubiri e María Zambrano. Publicou artigos en revistas académicas e é autor do libro de ensaios narrativos Tiembla todo lo vivo (Anamá Ediciones, 2023).
 

Cartel da conferencia
Cartel da conferencia
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2024.