Forma parte do ciclo de conferencias ao redor da exposición 'Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África', que se pode visitar ata o 16 de novembro no Colexio de Fonseca

Emilio Casares Rodicio dará este xoves 10 de outubro a primeira charla do ciclo de conferencias ao redor da exposición 'Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX. De Galicia aos teatros de Europa, América e África', que se pode visitar até o 16 de novembro no Colexio de Fonseca, O profesor falará sobre 'A ópera española no século XIX' a partir das 20.00 horas na sede da Real Sociedade Económica de Amigos do País, na compostelá Praza de Salvador Parga.
Este será o primeiro dos catro encontros previstos, que se celebrarán ao longo das próximas semanas. A vindeira cita celebrarase o 17 de outubro e correrá a cargo de Javier Garbayo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e comisario da mostra, quen escolleu o tema de 'Cantantes Líricas polo mundo século XIX'. O 21 de outubro chegaralle a quenda á outra comisaria, María del Carmen Lorenzo Vízcaíno, que ofrecerá a conferencia' Cantantes Líricas galegas polo mundo século XX'. O 30 de outubro, o crítico Arturo Reverter falará sobre 'As irmás Ofelia Nieto e Ángeles Ottein: reminiscencias compostelás'. Pechará o ciclo o 6 de novembro Andrea Vitalini coa conferencia 'Cantantes galegas dos séculos XIX e XX' no Teatro Alla Scala de Milán.
A exposición
O Colexio de Fonseca acollerá ata o vindeiro 16 de novembro unha mostra que recupera a memoria de 23 mulleres a través de 18 paneis informativos ilustrados –organizados todos eles a modo de bastidores dun teatro- e 10 amplas vitrinas onde se recompila abondosa documentación, tanto de carácter persoal como profesional, de cada unha delas. Ademais, os contidos sonoros inzarán esta mostra, grazas ás gravacións realizadas entre 1920 e 1970 e conservadas ata día de hoxe.
A exposición é produto dunha estreita colaboración entre institucións, xa que está organizada pola USC xunto coa Axencia Estatal de Investigación, con Amigos de la Ópera de Santiago e cos grupos de investigación da USC Organistrum (GI-2025) e Tecnoeduc (GI-1438). Ademais están implicadas institucións galegas, estatais e internacionais. A listaxe de colaboración inclúe a Xunta, o Consello da Cultura Galega, a Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, a Academia Galega de Belas Artes, a Biblioteca Nacional de España, o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, a Filmoteca Española, a Fundación Juan March, o Museo Casa de la Troya, o Museu de les Arts Escèniques, a SGAE, o Teatro La Fenice de Venecia e o Teatro alla Scala de Milán.