Ir o contido principal

Encontros Americanos

Conferencia da escritora Lydia Cacho

22.02.2024 | 19.00h-21.00h

Santiago de Compostela
Aula Magna

Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Xeografía e Historia. FOTO: Santi Alvite

A Aula Magna da Facultade de Xeografía e Historia será escenario este xoves 22 de febreiro a partir das 19.00 horas dunha sesión dos Encontros Americanos que protagonizará a escritora Lydia Cacho, quen falará de 'México, terra de mulleres valentes'. Será presentada por Pilar Cagiao Vila, coordinadora do Grupo HistAmérica USC e por Marta Pérez Pereiro, coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero  da USC.

No encontro abordarase a realidade de que México semella, de lonxe, territorio da barbarie dunha violencia incomprensible producida polo desprezo político e a propagación da delincuencia organizada, e é ao mesmo tempo territorio de mulleres valentes que sosteñen a integridade comunitaria. Son elas quen, mentres España estaba baixo a ditadura franquista, construían libremente un país cuxa ferramenta política máis poderosa sería o movemento de mulleres expandido a toda Latinoamérica. Esta historia da resistencia aínda non foi contada.

Lydia Cacho é unha xornalista de investigación, escritora, defensora dos dereitos humanos e feminista nacida en México. É pioneira na investigación da delincuencia organizada con perspectiva de xénero, publicou 20 libros traducidos a múltiples idiomas. Desde hai 30 anos imparte obradoiros e capacitacións para a atención especializada de mulleres, nenas e nenos vítimas de violencia sexual e de xénero. Recibiu 65 premios internacionais polo seu labor como xornalista e como activista. Foi perseguida pola mafia de tratantes de mulleres e nenas e sobreviviu á tortura policial. Actualmente vive en España, segue facendo investigacións ao redor do mundo e produce documentais. É embaixadora da ONU para o combate da trata de mulleres e nenas.

A escritora Lydia Cacho
A escritora Lydia Cacho
Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.02.2024.