A cargo de Alípio Jorge, profesor da Universidade do Porto

Os diferentes tipos de fontes textuais conteñen narrativas que se refiren aos seus participantes, eventos, cando ocorreron, onde ocorreron e como eses elementos se relacionan entre si. Nesta conferencia, o profesor da Universidade do Porto Alípio Jorge describirá as liñas de traballo en curso para extraer automaticamente narrativas de texto empregando extracción de información, PLN e lingüística. O resultado da extracción de narrativas é unha representación formal estruturada que se pode usar para diferentes tipos de visualización e outras formas de representación ou manipulación.
Este traballo é resultado, principalmente, dos proxectos Text2Story e StorySense, nos que científicos informáticos e lingüistas traballan conxuntamente nestes desafíos. O seu obxectivo tamén inclúe aumentar os recursos dispoñibles para o portugués (conxuntos de datos, modelos, tradutores, etc.), especialmente para a súa variante europea.
Sobre o relator
Alípio Jorge é profesor catedrático da Universidade do Porto e investigador do INESC TEC, ademais de coordinador do Laboratorio de Intelixencia Artificial e Apoio á Decisión (LIAAD). A súa carreira investigadora centrouse na aprendizaxe computacional, incluíndo programación lóxica indutiva, extracción de patróns frecuentes, sistemas de recomendación e procesamento de linguaxe natural. Lanzou varios mestrados e unha licenciatura en IA e Ciencia de Datos. Foi Sherpa de Portugal na Comisión Europea e responsable da primeira versión do documento da Estratexia Portuguesa de Intelixencia Artificial.