
A profesora Mari Luz Esteban Galarza da EHU/UPV ofrece este martes 22 de outubro, de 16.00 a 17.30 horas, a conferencia 'Unha teoría feminista que desafía e nos desafía. Reflexións dende a antropoloxía'. Nela farase un repaso a algunhas propostas teóricas e metodolóxicas feministas que se poden empregar hoxe en día para a comprensión do mundo e para contribuír á súa transformación. Terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Filosofía e o acceso é libre ata completar a capacidade do espazo.
Mari Luz Esteban Galarza é licenciada en Medicina pola EHU/UPV e doutora en Antropoloxía Social pola Universitat de Barcelona, e foi responsable do Programa de Doutoramento en Estudos Feministas e de Xénero e do Máster en Estudos Feministas e de Xénero. No ámbito da investigación e as publicacións, desde 2013 dirixe o Grupo de Investigación AFIT-Antropoloxía Feminista. Dirixiu ou codirixiu 26 teses de doutoramento e participou en 15 proxectos de investigación, sendo investigadora principal en 10 deles. É autora ou coautora de 13 libros, 3 monográficos, 50 capítulos de libros e 38 artigos, ademais de ser editora de 13 libros. As súas principais áreas de investigación inclúen a saúde e o xénero, o corpo e a imaxe, o amor romántico e as relacións de xénero. Os seus enfoques teórico-metodolóxicos céntranse na antropoloxía feminista, a antropoloxía do corpo e das emocións.
