
O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) inicia este mércores 11 de setembro o curso académico cunha conferencia que imparte a partir das 10.00 horas na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC o profesor Michael L. Lahr, á que lle seguirá un seminario sobre análise económica no que participarán doutorandas e doutorandos do centro.
O relatorio de Michael L. Lahr leva como título Consellos para a carreira académica, relación coa formación nas políticas públicas, e outras historias. Durante a súa exposición, ofrecerá a súa visión e consellos sobre como afrontar os diferentes chanzos na carreira profesional académica. Así mesmo, discutirase sobre como relacionar o traballo académico coa formación de políticas públicas rexionais. Finalizada a conferencia, as persoas doutorandas de distintos programas formativos exporán os seus traballos e avances, o que supón unha boa oportunidade para recibir comentarios e suxestións por parte de investigadoras e investigadoras con máis experiencia.
Michael L. Lahr é profesor emérito en Rutgers, a Universidade Estatal de Nova Jersey (Estados Unidos). O seu traballo académico inclúe contribucións nos eidos da análise input-output rexional, os estudos de impacto socioeconómico, a planificación urbana e o transporte, os mercados inmobiliarios e as análises de impacto medioambiental, entre outros. Alén da súa traxectoria como investigador e docente, exerceu como economista rexional no Departamento de Agricultura dos Estados Unidos, como editor de Papers in Regional Science e Economic Systems Research e como director do Servizo de Asesoramento Económico de Rutgers. Por último, destaca o seu rol para coas persoas máis novas na súa universidade, na Asociación Norteamericana de Ciencia Rexional e na Asociación Internacional de Análise Input-Output.