Inaguración do Mestrado Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade

O goberno en Sicilia do xeneral romano Gayo Verres, condenado por un delito de extorsión e corrupción económica cometido na illa durante o seu mandato (73-71 a.C.) representa, segundo o célebre avogado e orador Cicerón, un caso extremo de abuso de poder político e militar no ámbito provincial do imperio. O seu exercicio do poder se caracterizaría por unha violencia institucional extrema e sistemática, exercida sen distinción sobre cidades e persoas, tanto estranxeiras como romanas. Entre as accións denunciadas por Cicerón atópase a execución de numerosos cidadás romanos, cuxas garantías persoais e procesuais terían sido vulneradas por Verres.
Para analizar historicamente estes feitos, o mestrado interuniversitario en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade convidou o profesor David Espinosa Espinosa, investigador de Historia Antiga na Universidade Complutense de Madrid, quen impartirá o próximo xoves 11 de setembro, ás 18.30 horas na Sala de Profesores da Facultade de Xeografía e Historia, a conferencia de inauguración do curso titulada ‘¿Óptimo general o tirano infame? La ejecución de ciudadanos romanos en Sicilia durante el gobierno de Verres (73-71 a.C.)’.
Nela, a partir dunha mirada crítica e un minucioso estudo da intensa conflitividade sociopolítica e militar que afectou Italia e Sicilia na década dos 70 a.C., proporá a necesidade de reinterpretar a evidencia histórica conservada sobre este escuro episodio, despoxándoa dos recursos retóricos empregados por Cicerón, para valorar con maior precisión se a actuación de Verres foi a propia dun ‘tirano infame’ ou, pola contra, a dun ‘óptimo xeneral’ que actuou con dureza nun contexto de profunda crise para a República romana.
David Espinosa Espinosa
David Espinosa Espinosa é profesor permanente laboral no Departamento de Prehistoria, Historia Antiga e Arqueoloxía da Universidade Complutense de Madrid, e membro do grupo de investigación UCM ‘Cidades Romanas’ e das redes de investigación ‘Diuturna Civitas’, ‘Libera Res Publica’ e ‘Toletum’. Especialista en Historia Antiga de Roma, desenvolve a súa investigación en tres ámbitos principais: os procesos de integración xurídica das comunidades provinciais a través do dereito latino e a cidadanía romana, a conquista e provincialización de Hispania e Sicilia, e a relectura histórica das guerras civís romanas durante a República.
Así mesmo, foi profesor axudante doutor na Universidade de Oviedo, e investigador postdoutoral na Universidade de Santiago de Compostela e na de Viena. Conta cunha extensa traxectoria internacional, con estadías de investigación de longa duración no Instituto Arqueolóxico Alemán de Berlín, a Universidade de Trieste, a Universidade de Tréveris e a Universidade de Hamburgo. Formou parte de numerosos proxectos de investigación nacionais e internacionais, e conta no seu haber cun amplo currículo de conferencias e publicacións en centros e revistas/editoriais de recoñecido prestixio.
