O proxecto DTiCEQT procura promocionar unha educación innovadora e de calidade consonte ás necesidades do estudantado do século XXI

Representantes das 8 organizacións educativas de España, Portugal e Reino Unido que integran o proxecto Digital technology, Imagination, Creativity and Entrepreneurship for a high-quality teaching (DTiCEQT) reuniranse o venres 3 de febreiro nas Facultade de Ciencias da Educación da USC no Campus Vida para presentar os reultados da investigación.
O encontro desenvolverase das 9 ás 12.30 horas no Salón de Actos do centro e está aberto a todas as persoas interesadas previa inscrición. De forma simultánea, a Facultade acollerá obradoiros sobre o uso e aplicación en educación de tecnoloxías emerxentes como Realidade Virtual, APPs, radio Podcast e emprendemento, que buscan explicar o seu uso e amosar as producións dixitais que se realizaron entre o alumnado e o profesorado durante o transcurso deste proxecto.
Entre os obxectivos do proxecto DTiCEQT cabe destacar a necesidade de promocionar unha educación innovadora e de calidade de acordo coas necesidades do estudantado do século XXI e minimizar o fracaso escolar, dende a consciencia de que a sociedade actual require persoas creativas, emprendedoras, críticas e competentes en tecnoloxías dixitais.
Durante todo o proxecto, a tecnoloxía, a creatividade e a imaxinación estiveron no centro das intervencións educativas cun gran compoñente de experimentación. Neste sentido, durante a conferencia, o persoal investigador profundará nas estratexias deseñadas para promocionar entre estudantado e profesorado as competencias dixitais e de emprendemento para o uso da tecnoloxía, dunha forma significativa e que achegue un valor engadido ao proceso de ensino- aprendizaxe.