Ir o contido principal

Conferencia de Ramón Lorenzo polo 50 aniversario de Filoloxía

23.09.2024 | 12.00h

Santiago de Compostela
Salón de Actos

Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite

O ex decano de Filoloxía Ramón Lorenzo Vázquez ofrece este luns 23 de setembro ás 12.00 da mañá unha conferencia no Salón de Actos da Facultade. Na charla, que forma parte das actividades programadas polo 50 aniversario da Facultade, estará acompañado polas catedráticas do Departamento de Filoloxía Galega Ana Boullón e Dolores Vilavedra.

Esta é a primeira dun ciclo de oito conferencias a cargo de ex-decanas e ex-decanos do centro, encadrado nos actos de conmemoración do seu 50 aniversario, no que se pretende reflexionar sobre o papel desta institución no devir histórico da universidade compostelá. O programa de actividades continuará nos vindeiros meses, comezando por unha serie de vídeos que difundirán o traballo que se realiza no centro e que se elaborarán en colaboración coa veciña Facultade de Ciencias da Comunicación. Haberá, así mesmo, un libro conmemorativo que recollerá documentos e materiais do medio século de historia de Filoloxía.

Outra das accións previstas son encontros con persoas egresadas da Facultade que falarán de saídas profesionais. E as exposicións integran outra das liñas de actividades, sendo a próxima ¿Encontraría a Julio Cortázar?... cuarenta años después, que será inaugurada o 26 de setembro ás 12.00 horas na Facultade de Filoloxía.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.09.2024.