
Este martes 30 de xaneiro ás 18.30 horas terá lugar na Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética, da Facultade de Filoloxía, a conferencia titulada Fragmentos de un libro futuro: Vestigio final de la poesía en prosa de José Ángel Valente. Una triple lectura, que será pronunciada pola profesora Yomaira Angélica Herreño-Contreras, doutoranda sobre Valente na Universidade de Auckland (Nova Celandia). Esta profesora colombiana está realizando unha estadía de investigación na Cátedra Valente e será presentada polo poeta e director da Cátedra Valente Claudio Rodríguez Fer.
Non é a primeira vez que se trata sobre a poesía de Valente nunha tese de doutoramento realizada na Universidade de Auckland, pois anteriormente xa o fixera a actualmente profesora emérita Christine Arkinstall en El sujeto en el exilio, lida en 1990 e publicada en 1993. Valente é un dos poucos escritores españois sobre os que se fixeron teses doutorais nos cinco continentes habitados da Terra, pois, ademais de realizarse moitas en Europa e América, tamén se realizaron outras en África (Marrocos), Asia (Taiwán) e Oceanía (Nova Celandia).
