
O 'Congreso Internacional 1950-2010: seis décadas de literatura e sociedade en Galiza' terá lugar o xoves 19 e o venres 20 de xuño de 2025 na Facultade de Filoloxía compostelá. Este congreso parte da proposta duns límites temporais, como son as seis décadas que van desde a fundación da Editorial Galaxia ata o fondo repensamento do ciclo histórico ao que esta concorreu, repensamento facilitado pola dedicatoria do Día das Letras Galegas a Ramón Piñeiro, grande ideólogo do grupo. Pero poden explicarse tamén a través das seis décadas que van dende a morte no exilio porteño de Castelao ata o final do ciclo 2005-2009, co paso do nacionalismo polo goberno galego, ou a través das seis décadas que van dende que Isaac Díaz Pardo entrara en contacto co exilio republicano coa súa exposición de 1951 na porteña Galería Velázquez ata a súa expulsión, en 2010, das institucións que Luís Seoane e el crearan para a refracción da voz exílica á Galicia ibérica, na procura dunha modernización e internacionalización da cultura galega.
Propóñense daquela uns límites temporais forzosamente artificiais, provisorios, para, dentro deles, concentrarmos as olladas na interacción entre a sociedade galega e un emerxente campo literario que foi escenario de produción, reprodución e crítica de textos, ademais de procesos de debate e loita por impoñer (ou destituír) formas hexemónicas de escribir.
Nas décadas atendidas polo congreso, o campo literario galego foi escenario de dinámicas entre as que se inclúen a utilización da literatura como espazo posible para elusivas formulacións políticas en tempos de ditadura, as tensións entre a procura da autonomía estética e a configuración dun emerxente mercado editorial, a consolidación do campo literario como espazo protagonista no reartellamento de memorias longamente canceladas, as tensións de axentes fronte a intentos de acción heterónoma no campo literario por parte dos xestores dunha emerxente institucionalidade política e cultural ou a contribución da literatura aos procesos de artellamento e visibilización de novas identidades de xénero, clase, xeracionais etc.