
O Congreso Internacional ‘Atención á Diversidade e Inclusión. O papel da Universidade e as Asociacións na construción de Comunidades Inclusivas’ proponse abordar do 23 ao 24 de setembro a diversidade, a equidade e a inclusión como eixos que vertebran a educación. A finalidade desde foro que ten lugar na Facultade de Ciencias da Educación da USC é coñecer experiencias e actuacións universitarias relacionadas coa atención á diversidade e a inclusión do estudantado con discapacidade na universidade, xunto ao papel que desempeñan as asociacións na construción de comunidades inclusivas, coa perspectiva de reflexionar e ofrecer liñas de actuación que permitan acomodar a diversidade á realidade dos centros universitarios.
Entre os obxectivos que persegue o congreso atópase o de identificar problemáticas e áreas de mellora na inclusión e atención á diversidade de estudantes con discapacidade e Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) na Universidade. O foro tamén pretende sensibilizar o estudantado e toda a comunidade universitaria ante a diversidade e a inclusión de estudantes con discapacidade e NEAE.
Coñecer experiencias e actuacións universitarias relacionadas coa atención á diversidade e a inclusión deste colectivo, así como profundar no papel das asociacións na construción de Comunidades Inclusivas completan un programa no que tamén se tratarán experiencias e actuacións asociativas relacionadas coa atención á diversidade e a inclusión.