
Os avances en materia de violencia de xénero dende a aprobación da Lei Orgánica 1/2004 serán analizados polo miúdo nun encontro internacional que reunirá o martes 16 no Salón de Graos da Facultade de Dereito persoas especialistas na materia.
O encontro dará comezo ás 10.00 horas coa intervención do profesor da USC Enrique Latorre-Ruiz titulada ‘Epistemioloxía da violencia: ampliación do marco de intervención e reconfiguración do concepto de vítima aos 20 anos da LO 1/2004’. Deseguido intervirá Isabel Vicario, da Universidade de Salamanca, cun relatorio sobre agresión e coerción sexual en adolescentes e xóvenes.
‘Alcance e eficacia da LO desde o punto de vista da Socioloxía’ será a charla de María Luisa Ibáñez, da Universidade de Salamanca’, á que lle seguirá un debate sobre sistema de Xustiza penal, violencia de xénero e Dereito comparado coa participación de Natalia Pérez, da USC, Margarida María de Oliveira, da Universidade do Minho (Portugal), e a experta uruguaia en materia de xénero Lucía Fernández.
A sesión da mañá rematará con outra sesión de discusión na que a mediadora e psicóloga Cristina Torrado, a inspectora do Corpo Nacional de Policía Sonia Rama e o xuíz do penal en Costa Rica Jeffry J. Mora tratarán o tema ‘Menores, novas aprendizaxes e resocialización: unha aproximación á mediación penal en menores con perspectiva de xénero’.
A xornada reanudarase pola tarde, ás 17.00 horas, co relatorio ‘A 20 anos da lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero: unha ollada laboralista’ a cargo de Francisco Xabiere Gómez, da Universidade de León. Seguiralle Yolanda Maneiro, profesora da USC, cunha intervención sobre as coidadoras non profesionais no ámbito do dereito do Traballo.
O encontro rematará con intervencións sobre as deepfakes e a violencia dixital de xénero; a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías e a violencia de xénero; e os colectivos LGTBQ+ e a violencia contra as mulleres, a cargo de Ana Neira, directora da Oficina para a Igualdade de Xénero da UDC; Ana Rodríguez, codirectora do Diploma de Especialización en Violencia de Xénero da USC, e Pablo Ramos, da Universidade de Salamanca, respectivamente.