Organizado polo Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) da USC e o Instituto Español de Estudos Estratéxicos (IEEE) do Ministerio de Defensa, co apoio do Parlamento de Galicia e a Xunta de Galicia.
A Facultade de Dereito da USC acollerá o mércores 27 de abril o Congreso Internacional sobre a Manipulación Informativa como Problema de Seguridade, un foro que reunirá en Compostela profesorado e persoal investigador procedente de 20 universidades e 9 países. Trátase dun evento organizado polo Centro de Estudos de Seguridade (CESEG) da USC e o Instituto Español de Estudos Estratéxicos (IEEE) do Ministerio de Defensa, co apoio do Parlamento de Galicia e a Xunta de Galicia.
O acto de inauguración comezará ás 10 horas no Salón de Graos da Facultade e contará coa presencia do reitor da USC, Antonio López; do delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones; da decana da Facultade de Dereito, Ana Gude Fernández; do director do CESEG, José Julio Fernández Rodríguez; e o director do Instituto Español de Estudos Estratéxicos- CESEDEN, o xeneral Francisco Dacoba Cerviño, que intervirá a través de videoconferencia.
O congreso artéllase arredor de tres paneis que permitirán ás persoas asistentes afondar nas formas de manipulación, nas súas consecuencias e nas posibles respostas que deben articularse fronte a este fenómeno.
Sen dúbida, os amplos procesos de desinformación que sofre a sociedade convertéronse nun importantísimo problema de seguridade e de calidade da nosa democracia. A pandemia recente e a guerra de Ucraína evidencian a actualidade desta problemática, como tamén o fan determinados procesos electorais rodeados de novas falsas (fake news) e de infoxicación. O congreso move á análise rigorosa destes fenómenos na procura de solucións que eviten esta ameaza para a convivencia.
A inscrición e asistencia é gratuíta a través do mail ceseg [at] usc.es (ceseg[at]usc[dot]es)