Ir o contido principal

Congreso final do life In Common Land

8/11/2022 - 9.30 horas

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga, participa este martes, ás 9.30 horas, no Pazo de San Marcos, na apertura do foro no marco do que se presentarán os resultados acadados na Serra do Xistral ao abeiro deste programa coordinado pola Deputación de Lugo e no que participan a USC e a UDC

Panorámica da Serra do Xistral
Panorámica da Serra do Xistral

O vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo da USC, Francisco Fraga López, participa este martes, a partir das 9.30 horas, no lugués Pazo de San Marcos, na sesión de apertura do congreso final do Life In Common Land, un proxecto europeo liderado pola Deputación Provincial de Lugo e do que participan como socios beneficiarios a USC e a UDC.

O presidente da Deputación de Lugo, José Roca, e o reitor da UDC, Julio Abalde, tamén intervirán na presentación dun congreso que serve de colofón do Life In Common Land, unha iniciativa de I+D promovida co obxecto de reverter diversas ameazas que afectan os hábitats naturais na Serra do Xistral, un espazo no que o progresivo abandono do pastoreo da pé a alteracións na composición e na configuración da paisaxe.

A ambigüidade e a pouca definición nas directrices de xestión medioambiental, a degradación dos hábitats ligados á actividade humana, o cambio climático y as difíciles condicións das áreas de montaña que implican a perda paulatina de poboación constitúen outros dos temas que se abordarán durante dúas xornadas neste evento final do life In Common Land.

O congreso, estruturado arredor de cinco grandes bloques temáticos e no que tomarán parte expertos internacionais, servirá asemade para poñer de relevo a importancia do emprego de ferramentas colaborativas capaces de establecer sinerxías entre os montes veciñais en man común, as administracións e o conxunto da sociedade. Alianzas todas elas encamiñadas a favorecer o desenvolvemento económico e a conservación medioambiental nunha área de gran valor ecolóxico como é  a Serra do Xistral.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 07.11.2022.