Promovido pola Sociedade Española de Medicina Oral coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela

O Congreso de Medicina Oral que se celebrará do 25 ao 27 de maio de 2023 en Santiago de Compostela dará acubillo ao XVII Encontro da Sociedade Española de Medicina Oral (SEMO) e o XVIII Encontro da Academia Iberoamericana de Patoloxía e Medicina Bucal (AIPMB) e reunirá na Facultade de Medicina e Odontoloxía especialistas internacionais en Patoloxía Bucodental. Elena Varoni (Universidade de Milán), Jairo Robledo-Sierra (Universidade CES en Colombia), Jenny Öhman (Universidade de Gotemburgo), Rafael López López, Ángel Carracedo (USC), Miguel Ángel González Moles (Universidade de Granada), José Manuel Aguirre Urizar (Universidade do País Vasco), Danyel Elías da Cruz Pérez (Universidade Federal de Uberlândia, Brasil), Guillermo Concha (Universidade de Chile), Rafael Martínez Conde, José Vicente Bagán Sebastián, Javier Alberdi Navarro (Universidade do País Vasco) e Pilar Gándara (USC) son algúns dos relatores participantes neste foro no que as conferencias maxistrais estarán ao cargo de Enric Jané Salas (Universidade de Barcelona) e Isaäc Van der Waal (centro médico VU/ACTA en Ámsterdam).
Ademais das mesas redondas e sesións para a presentación de comunicacións e pósters, o congreso inclúe un obradoiro sobre 'Inxertos autólogos segundo a técnica de encofrado biolóxico' con Guillermo Escobar e unha sesión clínico-patolóxica da man de José Manuel Aguirre Urizar (UPV) e Abel García García (USC). Tamén no marco deste encontro, Estudantado do grao en Odontoloxía difundirá material informativo o xoves 25, na Praza do Obradoiro, sobre como os propios pacientes poden desenvolver un rol activo no proceso de diagnóstico. Esta campaña divulgativa, que se estenderá das 10 ás 13. horas, é froito dun proxecto de Innovación Educativa ApSMO Aprendizaxe e Servizo no Ámbito da Medicina Oral da USC coa colaboración da Asociación Española contra o Cancro.
O acto oficial de inauguración do congreso desenvolverase o 26 de maio ás 13.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía e contará coa presenza do reitor Antonio López, do decano da Facultade Julián Álvarez Escudero, do presidente do Comité Organizador Andrés Blanco Carrión, do presidente da Academia Iberoamerciana de Patoloxía e Medicina Bucal Fabio Ramoa Pires, da presidenta da Sociedade Española de Medicina Oral Rocío Cerero Lapiedra, do conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia Julio García Comesaña, e do alcalde de Santiago Xosé A. Sánchez Bugallo.
Andrés Blanco Carrión (presidente), Pilar Gándara Vila (vicepresidenta), Eva Otero Rey (secretaria) e Manuel Somoza Martín (tesoureiro) encabezan o comité organizador deste evento que retoma nesta edición a asistencia presencial. O programa completo de sesións está dispoñible na web oficial do evento.