
O congreso final do proxecto europeo DIGILARE (Digitalisation and Information and Consultation Rights in European Labour Law) desenvolverase os días 11 e 12 de setembro no Salón de Graos da Facultade de Dereito e reunirá mais de 80 persoas expertas procedentes de 18 países, integrantes de universidades e centros de investigación de toda Europa, así como representantes institucionais e sociais, con especial presenza de membros de sindicatos e organizacións empresariais. Este supón o terceiro fito do proxecto, que xa celebrou dúas reunións científicas previas, en Viena e Budapest. O encontro inaugurarao o reitor Antonio López este xoves 11 ás 9.00 horas.
Esta cita internacional estrutúrase en relatorios maxistrais, mesas temáticas e sesións plenarias nas que se abordarán cuestións fundamentais como a democracia no traballo, a fragmentación normativa na Unión Europea, os dereitos sindicais na era dixital, a representación laboral en contextos de teletraballo transfronteirizo e o impacto da intelixencia artificial na xestión laboral.
Entre os relatores alleos ao equipo de investigación destacan figuras recoñecidas como o secretario de Estado de Traballo do Goberno de España, Joaquín Pérez Rey; a maxistrada do Tribunal de Xustiza da Unión Europea María Lourdes Arastey Sahún; e Jeremias Adams-Prassl, da Universidade de Oxford.
O proxecto, co financiado pola Comisión Europea e dotado con máis de 390.000 euros procedentes da liña especial de financiamento de fomento do diálogo social, está liderado polo profesor de Dereito da USC José María Miranda Boto e a profesora Elisabeth Brameshuber, da Universidade de Viena e no consorcio están integrados tres beneficiarios (Universidade de Santiago de Compostela, Universität Wien e ASTREES) e 15 membros asociados. O equipo compóñeno 23 investigadores e investigadoras de 15 países (14 Estados membros e Turquía), coa participación de Yolanda Maneiro Vázquez e Lidia Gil Otero, da área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC.