Ir o contido principal

Consello de Goberno

25.06.2024 | 09.30h

Santiago e Lugo
Salón Reitoral en Santiago e Sala Multiusos da Biblioteca Intercentros en Lugo

Fachada do edificio do Reitorado da USC. FOTO: Santi Alvite
Fachada do edificio do Reitorado da USC. FOTO: Santi Alvite

Unha nova sesión do Consello de Goberno da USC terá lugar o martes 25 de xuño a partir das 9.30 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome; poderá seguirse en liña desde a Sala Multiusos do Edificio Servizos Administrativos/Biblioteca Intercentros en Lugo.

A orde do día comeza coa aprobación, se procede, da acta da reunión anterior. A continuación abordarase a cobertura de vacantes do sector III nas comisións delegadas do Consello de Goberno; en relación con este punto, o estudantado poderá presentar candidaturas para formar parte das Comisións Delegadas ata as 12.00 horas do mércores 19 de xuño a través do Rexistro Electrónico, mediante instancia onde se indique a Comisión ou Comisións para as que se formula a postulación.

O terceiro punto da orde do día prevé estudar a aprobación, se procede, do Plan Estratéxico da USC 2024-2026. Decontado analizarase a aceptación das Contas Anuais do exercicio 2023 e a aprobación, se procede, de propostas de novas titulacións de máster universitario para a súa implantación no curso 2025-2026; de modificacións substanciais de titulacións de grao, máster universitario e programas de doutoramento para a súa implantación no curso 2025-2026; de propostas de asignación de complementos de recoñecemento de mérito
docente (quinquenios) da convocatoria 2023 e de complementos retributivos autonómicos.

A continuación estudarase a aprobación, se procede, dunha solicitude de comisión de servizo de profesorado á Universidade de
Vigo; de cambios de adscrición de profesorado a áreas de coñecemento; de convocatoria de concursos de prazas de profesorado permanente laboral e de titular de universidade, e das comisións de selección correspondentes (Planificación 2023).

Nos seguintes puntos verase a aprobación, se procede, de reposición de prazas de PDI vacantes; da proposta de modificación dos Estatutos da Fundación Rof Codina; da modificación da RPT de PTXAS funcionario; da modificación do acordo do Consello de Goberno de 27 de maio de 2010 polo que se establecen os criterios de admisión nos estudos de grao por cambio de universidade ou estudos universitarios  e da modificación do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos Fin de Grao e Fin de Máster na USC.
Así mesmo valorarase a aprobación, se procede, da Normativa de permanencia nas titulacións de Grao e Máster; da creación da cátedra institucional Televés de Micro-Electrónica; de cursos de estudos propios e de memorias de cursos de estudos propios.

O seguinte punto é a análise dun recurso; a seguir darase a coñecer unha declaración do carácter excepcional e singular dunha solicitude de subvención obxecto de convenio para financiar a programación de actividades do Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero (CIFEX) no ano 2024; convenios; a aprobación, se procede, das tarifas para o curso 2024/2025 e os asuntos económicos.

Finalmente presentanse os informes do reitor, das vicerreitoras e vicerreitores, do xerente e da secretaria xeral e finalizará o Consello cunha rolda aberta de intervencións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2024.