Salón Reitoral
O Consello de Goberno da USC reunirase o mércores 24 de xullo para tratar diversos asuntos centrados fundamentalmente en materia de persoal e normativa académica.

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago reunirase o mércores 24 de xullo para tratar asuntos que xirarán fundamentalmente en torno a dúas materias, como son persoal e normativa académica.
No tocante ao profesorado, na xuntanza someterase a aprobación unha comisión de servizos, a asignación e convocatoria de prazas de profesorado vinculado e de PACS, reposición de prazas de PACS, asignación de complementos por actividade investigadora de profesorado contratado (sexenios), complementos retributivos autonómicos, prórrogas de profesorado contratado e, por último, o acordo polo que se faculta á Vicerreitoría de Profesorado para convocar as prazas vacantes de profesorado axudante doutor e asociado que queden desertas ou vacantes
Xa en materia de normativa académica, o órgano de goberno da USC someterá a aprobación a modificación do Regulamento de matrícula, elaboración e defensa dos traballos Fin de Grao e Fin de Máster na USC e da Normativa de permanencia nas titulacións de Grao e Máster, ademais do Regulamento en materia de recoñecemento e transferencia de créditos para os estudos oficiais de Grao e Máster e da modificación do acordo sobre parámetros de ponderación de materias para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao do SUG no curso 2025-2026.
Outros asuntos a tratar son a modificación da RPT de PTXAS laboral, a proposta de supresión do Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (IAQBUS), as memorias de Institutos e centros de Investigación e plataformas Científico-Tecnolóxicas e a modificación da composición da Comisión Reitora do Campus Terra.
Os cursos de estudos propios e as súas memorias, convenios e tarifas e a declaración do carácter excepcional e singular dunha solicitude de subvención obxecto de convenio á Deputación da Coruña para financiar a programación dunha actividade completan a reunión, que rematará co informe sobre a elaboración dos criterios reitores de ordenación e actualización da oferta de titulacións oficiais da USC (acordo do Claustro Universitario de 30 de novembro de 2023).