
A Universidade de Santiago acolle este venres 27 o acto de constitución da Rede Española de Filosofía da Intelixencia Artificial, que nace con vocación interdisciplinar e transversal ao integrar máis de cen investigadoras e investigadores de todo o Estado interesados nos aspectos ontolóxicos, conceptuais, epistemolóxicos, éticos, políticos e sociais da IA. A sesión constitutiva terá lugar ás 12.00 horas na Facultade de Filosofía, cuxo decano Xavier Donato é promotor desta iniciativa, que fixará a súa sede en Compostela.
A Rede engloba varios grupos de investigación especializados en áreas como a filosofía pero tamén de ciencias da comunicación, da educación, a filoloxía, a psicoloxía, o dereito, a antropoloxía e, naturalmente, a propia investigación en IA.