Encontro conmemorativo do 150º aniversario do pasamento de Juana de Vega e da constitución da Fundación que leva o seu nome

Este congreso internacional busca, desde unha tripla perspectiva -política, económica e social-, contribuír a mellorar e difundir o coñecemento respecto das mulleres coetáneas de Juana de Vega, mulleres diversas que foron as súas “contemporáneas” (século XIX e primeiro terzo do XX). O congreso organízase en tres sesións que terán como eixo central as conferencias de dúas reputadas especialistas na temática de historia das mulleres por sesión, pero busca contar con comunicacións que dean visibilidade a mulleres que durante o oitocentos e ata 1939, resultaron decisivas nun proceso, aínda hoxe inacabado, de normalización da súa presenza en todo tipo de contextos sociais, políticos, económicos e culturais.
A Cátedra Juana de Vega de estudos de xénero e o Departamento de Historia da USC organizan este foro que se desenvolverá do 20 ao 21 de outubro na Facultade de Xeografía e Historia da USC. O encontro, cuxa inauguración terá lugar o xoves 20 ás 09.30 horas, contará con relatorios de María Cruz Romeo Mateo (Universidade de Valencia), Marta del Moral Vargas (Universidade Complutense de Madrid), Carmen Sarasúa (Universidade Autónoma de Barcelona), Cristina Borderías (Universidade de Barcelona), Ana María Aguado (Universidade de Valencia), Teresa María Ortega López (Universidade de Granada) e Sharon Roseman (Memorial University, Canadá), alén de sesións de comunicacións moderadas por Xosé Ramón Veiga, Luisa Muñoz, e Ana Cabana (USC).
