
Alumni USC organizou para este martes 20 de febreiro ás 19.00 horas unha conversa con Inés San Luís, enxeñeira informática e creadora da aplicación móbil e da web Vogal, que facilitan ver películas en galego. O evento desenvolverase no Salón de Actos da Facultade de Filosofía.
Vogal permite acceder a unha serie de datos sobre as producións en lingua galega e as plataformas onde poder velas. Para obter este resultado, a aplicación automatiza a extracción de datos de dúas plataformas. Primeiro, da Internet Movie Database, de onde colle os filmes que teñen versión orixinal en galego, e logo contrástaos con Just Watch, outra aplicación que procura nos diferentes servizos internacionais de vídeos baixo demanda, como Netflix, HBO, Movistar ou Filmin.
