O programa, promovido polo Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola en colaboración coa delegación territorial da SECS baixo a coordinación do profesor Xosé Luis Otero inclúe diversos relatorios e visitas técnicas ata o venres 10 de xuño

Os solos costeiros de Galicia sen obxecto de análise e debate no marco das xornadas técnicas promovidas polo Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC e a delegación territorial da Sociedade Española de Ciencia do Solo que botan a andar este mércores no concello pontevedrés de A Guarda, onde se desenvolverá ata o venres 10 de xuño un amplo programa de relatorios e visitas técnicas relacionadas con esta temática.
A profesora do Departamento de Xeografía da USC Manuela Costas Casais abrirá este mércores, ás 19.00 horas, as xornadas cun relatorio baixo o título ‘Depósitos cuarternarios: Xeodiversidade e patrimonio cultural (Baiona-A Guarda).
As máis de 30 persoas inscritas na xornada aproveitarán a xornada do xoves para realizar un percorrido polo Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, a fin de analizar sobre o terreo diferentes solos sobre paleodunas, solos antrópicos e outros aspectos xeomorfolóxicos deste singular enclave natural.
Outras visitas técnicas para comprobar solos desenvolvidos en depósitos de ladeira no concello de Oia e solos hidromorfos de marisma, en A Guarda, ademais dunha visita ás instalacións da adega Terras Gauda, completan o programa desta xornada técnica, en cuxa organización tamén colaboran a Rede de Estacións Biolóxicas da USC, CRETUS, UVigo e o Instituto de investigacións Agrobiolóxicas-CSIC de Galicia.
O presidente da delegación territorial de Galicia da SECS, Xosé Luis Otero, salientou que estas xornadas pretenden achegar a estudantes e asociados ao coñecemento dos solos de Galicia, ao tempo que buscan divulgar a importancia que ten a conservación do terreo para o medio ambiente e a sociedade.