Ir o contido principal

Descubrimento dunha placa na honra de Luisa Cuesta, primeira profesora universitaria de Galicia

28.10.2024 | 11.00h

Santiago de Compostela
Facultade de Dereito

Cunha carreira brillante como docente, investigadora e bibliotecaria, foi tamén a primeira muller estudante de Dereito

A placa descubrirase na Facultade de Dereito. Foto: Santi Alvite
A placa descubrirase na Facultade de Dereito. Foto: Santi Alvite

O 26 de outubro de 1924 Luisa Cuesta Gutiérrez impartía a súa primeira aula na Universidade de Santiago, converténdose así na primeira profesora universitaria de Galicia. Para lembrar esta importante efeméride, o vindeiro luns 28 descubrirase unha placa conmemorativa na Facultade de Dereito.

O acto, que presidirá o reitor Antonio López, desenvolverase a partir das 11.00 horas coa participación da decana da Facultade de Dereito, Ana Gude Fernández; a profesora do Departamento de Dereito Público, Especial e da Empresa, Lidia Gil Otero, e a profesora do Departamento de Historia, Ana Cabana Iglesia.

Luisa Cuesta
Luisa Cuesta (Medina de Rioseco, 1892-Madrid, 1962) enfrontouse ás condicións socioeconómicas da muller de principios do século XX para protagonizar unha brillante carreira como docente, investigadora e, sobre todo, bibliotecaria, reflectida nunha obra bibliográfica importante que abarca temas que van desde a investigación histórica ata o feminismo e, xa na súa última etapa, a historia da imprenta.

Mestra superior e funcionaria do corpo de bibliotecarios, traballa na Biblioteca da USC ata 1930, cando marcha a Madrid destinada á Biblioteca Nacional que dirixiu en 1937. Foi perseguida e purgada por ser contraria ao réxime fascista ata que foi readmitida en 1945, onde vivirá marxinada ata a súa xubilación.

O seu paso por Santiago deixou pegada. Ao chegar á cidade matriculouse en Dereito, sendo a primeira muller que o facía. Cursou 15 materias nesa facultade, 11 delas avaliadas con sobresaliente, pero a pesar do seu extraordinario currículo os seus pasos profesionais ficaron vencellados ao mundo das bibliotecas, con importantes traballos na conformación da Biblioteca América da USC.

Na súa estadía en Galicia, ademais de impartir docencia na Facultade de Filosofía e Letras e de manter relación co Seminario de Estudos Galegos, publica estudos dedicados a cuestións americanistas, sobre todo relacionados coa colonización e emigración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.10.2024.