Máis de cen persoas asistirán este luns 25 de abril á primeira edición deste evento coordinado entre o grupo de investigación Iacobus da USC e a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo

Buscar o contacto entre dúas comunidades dedicadas ao estudo e práctica do deseño é un dos obxectivos que persegue a primeira edición da xornada Deseño en Compostela: da teoría á práctica. Máis de cen persoas asistirán este luns 25 de abril a este evento coordinado entre o grupo de investigación Iacobus da USC e a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, a través do cal quere abrirse "un necesario diálogo entre dous centros complementarios onde a teoría se une á achega da experiencia próxima e o traballo manual", apuntan dende a organización da xornada.
As sesións darán comezo ás 9.30 horas no Paraninfo da USC . Baixo o lema 'Falamos de deseño' intervirán Román Padín, profesor de Análise de Tendencias na Escola de moda de Galicia e crítico de arte e moda; Juan Monterroso, catedrático de Historia da Arte; Tania Campos, arquitecta e deseñadora; e o tamén deseñador, Miguel Duarte.
Xa en quenda de tarde, 'Somos Deseño' amosará ao alumnado os edificios da Facultade de Xeografía e Historia e da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo a través de visitas guiadas. Ademais, 'Facemos Deseño' permitirá que o alumnado participe de maneira activa nun dos seis talleres ofertados pola Escola: 'Sen_Patrón: proxectando en 4 pasos', 'Moulage: De Grecia á actualidade', 'A iluminación no Barroco a través da fotografía', 'Dourado e prateado: a técnica', 'Deseño e corte láser' e 'Deseño de superficies: da carta de cor á estampación'.
