Ir o contido principal

DevFest Santiago de Compostela 2024

10.10.2024 | 17.00h

A axenda deste encontro inclúe varios obradoiros e conferencias sobre intelixencia artificial, desenvolvemento web ou creación de software seguro

Escola Técnica Superior de Enxeñaría. FOTO: Santi Alvite
Escola Técnica Superior de Enxeñaría. FOTO: Santi Alvite

Quince relatoras e relatores compartirán os seus coñecementos sobre intelixencia artificial, desenvolvemento web ou creación de software seguro, entre outros temas, no DevFest Santiago de Compostela 2024, unha conferencia tecnolóxica organizada por Google Developers Group Santiago de Compostela (GDG-SDC) que se desenvolverá o xoves 10 na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE) do Campus Sur compostelán (logo de ter que se anular a sesión do mércores polo temporal) e que xuntará profesionais, estudantes e entusiastas da tecnoloxía para compartir saberes e experiencias.

Entre as conferencias previstas están a de Sara San Luís e Christian Carballo sobre como crear un asistente de estudo con intelixencia artificial (IA), a de Inés San Luís sobre as posibilidades das tecnoloxías para revitalizar unha lingua ou a dedicada a conversacións personalizadas coa clientela das empresas empregando tamén as posibilidades que ofrece a IA.

Os GDG son unha rede local de grupos sen ánimo de lucro que ofrecen charlas, demostracións prácticas, obradoiros e laboratorios de código sobre as últimas tecnoloxías de Google. En 2022 desenvolvéronse máis de 550 DevFests que axudaron a máis de 320.000 desenvolvedoras e desenvolvedores. 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.10.2024.