
O Día da Escola de Enxeñaría desenvólvese no Salón de Actos da ETSE no Campus Sur compostelán a partir das 12.30 horas deste xoves 11 de abril. Abrirá o acto o vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación da USC Gumersindo Feijoo Costa, e a continuación intervirá a directora da ETSE, Julia González Álvarez. A secretaria da ETSE, Nelly Condory Fernández, presentará despois a Memoria de Actividades da Escola no curso 2022-23.
A seguinte parte da xornada será a entrega dos premios extraordinarios de fin de carreira, premios a mellores expedientes, a mellores TFG e TFM e á calidade lingüística de TFG e TFM. A seguir, o director de planta en Vertex Bioenergy-Bioetanol Galicia, Noé Pestonit Freire, falará de 'Bioetanol: perspectivas de futuro'
Deseguido terá lugar a entrega dos premios Leonardo á docencia e á investigación, Beatrice Alice Hicks ao alumnado máis comprometido coa participación universitaria, Altia ao mellor TFG no grao en Enxeñaría Informática, Cátedra Institucional de Transición Enerxética Genesal Energy da USC aos mellores TFG e TFM sobre transición enerxética, ViAQUA ao mellor TFM no Máster en Enxeñaría Ambiental e DXC ao mellor TFM no Máster en Tecnoloxías de Análise de Masivos: Big Data. O acto será clausurado polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación.