Ir o contido principal

Día Internacional da Física Médica

07.11.2022 | 12.00h

A Facultade de Física, o Laboratorio de Radiofísica (RIADT) e a Vicerreitoría de Política Científica promoven un acto académico en conmemoración do Día Internacional da Física Médica

Facultade de Física da USC. FOTO: Santi Alvite
Facultade de Física da USC. FOTO: Santi Alvite

A Universidade de Santiago de Compostela celebra o Día Internacional da Física Médica cun acto académico que arranca ás 12.00 horas do día 7 de novembro na Aula Magna da Facultade de Física. 

O reitor Antonio López abrirá este evento que contará con dous relatorios e un espazo de debate.  Daniel Alejandro Maza, director técnico e Xefe do Servizo de Física Médica do Centro de Protonterapia Quirónsalud de Madrid, impartirá a conferencia "Terapia de protóns. Presente e futuro". A seguir,  o conselleiro de Sanidade  Julio García Comesaña ofrecerá o relatorio 'Centro de Protonterapia de Galicia'. Finalmente. haberá un debate moderado por Faustino Gómez Rodríguez, profesor da Facultade de Física e Director do Laboratorio de Radiofísica da USC (RIAIDT). 

O evento transmitirase en directo mediante a plataforma Microsoft TEAMS. 

Daniel Alejandro Mazal

Naceu en Arxentina en 1958, onde se formou como enxeñeiro e como físico médico. En 1985 trasládase a Francia para realizar o seu doutoramento e en 1990 comeza a traballar no Instituto Curie en Orsay, converténdose en 2008 en xefe de servizo de Radiofísica do pretigioso instituto. Conta cunha extensa traxectoria profesional e científica no ámbito da Física Médica e foi, por exemplo, científico convidado no Indiana University Cyclotron Facility, Massachusetts Xeral Hospital e Harvard Medical School dos EUA. É, desde 2010, Chairman do Particle Therapy Cooperative Group (PTCOG), o maior grupo colaborativo mundial en terapia de partículas. Actualmente é director técnico e Xefe do Servizo de Física Médica do Centro de Protonterapia Quirónsalud de Madrid. Sen dúbida, Alejandro Mazal é un dos máis recoñecidos expertos a nivel mundial na terapia de protóns. 

Julio García Comesaña

Naceu en Vigo en 1968 e é licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade de Santiago de Compostela, así como especialista sanitario en Radiofísica Hospitalaria. Entre 1993 e 2005 traballou como Físico Médico nos hospitais Universitario Vall d’Hebron, Povisa e Meixoeiro de Vigo. Foi director de centro e director operativo no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo entre os anos 2005 e 2011 asi como subdirector xeral de Ordenación Asistencial e Innovación Organizativa do Servizo Galego de Saúde e coordinador da Estratexia galega contra o cancro. En 2019 convértese en xerente da área de Xestión Integrada Sanitaria de Vigo e en 2020 é nomeado conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2022.