O acto conmemorativo estará estruturado en tres partes: a lectura do manifesto, un recoñecemento e unha conferencia

O vindeiro martes 9 de marzo a USC celebra o acto institucional conmemorativo do 8M, Día Internacional das Mulleres. O evento desenvolverase no Paraninfo da Universidade, e poderá seguirse en liña e en directo a través de YouTube.
O programa comeza coa lectura do manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria (RUIGEU). A continuación terá lugar o recoñecemento ao Grupo de Estudos Audiovisuais pola súa traxectoria en prol da igualdade de xénero na USC.
Para rematar, Marilar Aleixandre, profesora ad honorem da USC, escritora e académica da RAG, impartirá a conferencia 'Sexo, tabaco e baños turcos: Emilia Pardo Bazán e o dereito das mulleres ao pracer'.