Evento organizado polo CiTIUS da USC

As actividades ofertadas para rememorar o 'Día Internacional das Nenas e Mulleres nas TIC' inclúen obradoiros para distintas idades e relatorios adaptados aos diferentes niveis educativos, e teñen un dobre obxectivo: por unha banda, amosar a investigación que están a desenvolver as investigadoras do centro e, por outra, espertar o interese de nenas e mozas nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC), un eido da ciencia que, aínda hoxe en día, conta cunha porcentaxe moi baixa de mulleres.
As distintas actividades ofertadas, nas que participarán as investigadoras do CiTIUS Eva Cernadas, Natalia Seoane, Andrea Cascallar e Paula López, terán lugar en formato virtual e requirirán de inscrición previa a través do seguinte formulario.
As persoas interesadas en participar nestas actividades, dirixidas específicamete ao alumnado de primaria, secundaria, bacharelato ou formación profesional, poderán inscribirse ata o 19 de abril. Completado o rexistro, recibirán no seu correo electrónico unha ligazón para acceder aos distintos encontros, cunha antelación de 24 horas.
Podes consultar o programa completo na seguite ligazón.