
A Universidade de Santiago celebrará o Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e á poesía popular oral, o venres 16 de maio ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto presidido polo reitor Antonio López.
No acto académico terá lugar a presentación do libro editado por USC Edicións Canta ti, cantarei eu. A poesía popular oral. Ademais, o académico ex presidente da Real Academia Galega e catedrático xubilado da USC, Xesús Alonso Montero, pronunciará a conferencia ‘Poesía e sociedade no cancioneiro popular galego’.
O Día das Letras Galegas 2025 dedícaselle á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).