Os catedráticos eméritos Vicente Ortún e Félix Lobo contrastarán este xoves, a partir das 19.30 horas, as súas opinións sobre a temática con Xosé María Torres Bouza, de Farmamundi, e Vanesa López, voceira de Saúde por Dereito

O programa de debates Regueifas de Ciencia, unha iniciativa promovida pola USC con financiamento da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT) bota a andar este xoves un novo curso coa celebración dun debate, a partir das 19.30 horas, no marco do que catro relatores analizarán se as patentes farmacéuticas dificultan ou non o acceso aos medicamentos.
A sesión, que poderá seguirse en liña a través da canle de YouTube Regueifas ou ben nesta ligazón, permitirá confrontar as opinións defenidas polos catedráticos eméritos Vicente Ortún, da Universidade Pompeu Fabra, Félix Lobo, da UC3M e Funcas, coas ideas esgrimidas ao respecto polo farmacéutico e especialista en farmacia industrial e voceiro de Farmamundi, Xosé María Torres Bouza, e tamén pola directora de Saúde por Dereito, Vanesa López.